top of page
torre vella.jpg

Dumia conta cunha capela do século XII cun fermoso altar tallado en madeira e unha casa señorial (torre) tamén do mesmo século

O noso patrimonio

Capela de San Antón e da Virxe das Neves

Capela de planta rectangular con cuberta de lousa a dúas augas. Espadana dun van. Os muros laterais están protexidos por tres contrafortes, con vestixios dunha antiga porta de acceso. O sacerdote e escritor Elías Valiña Sampedro aseguraba que o presbiterio era dunha obra primitiva. Na actualidade os muros están caleados.

No interior conserva un retablo barroco de finais do século XVIII, semiempotrado no muro do testeiro, onde se ven as tallas da Virxe María co Neno e Santiago Peregrino, ambas do século XV. Hai outras dúas esculturas que representan a San Francisco de Asís e a un bispo. Segundo a documentación, no século XII pertencía ao desaparecido Mosteiro de San Salvador de Cancelada do que se descoñece a súa situación exacta.

A presenza dunha antiga porta de arco lateral (agora tapiada) suxire que puido formar parte dun templo máis grande ou dunha igrexa primitiva, pero non existe documentación clara e accesible ao público que o confirme con certeza.

É un exemplo da arquitectura relixiosa rural tradicional galega: pedra, lousa, austeridade, conservando elementos históricos e artísticos (retablo barroco, imaxes do século XV).

Casa señorial

A torre ten a orixe no século XII. O edificio atópase en serio perigo de derrubamento, con partes que xa caeron e outras con máis que preocupantes fendas.

Foi solar e casa da familia Neira ou Vázquez de Neira. No muro do peche conserva unha gran pedra armeira de mármore onde se pode ler: “Estas armas y blasones son de Neiras ynfanzones y estas son de los de Lamas de Álvarez Alba y de Canceladas, apellidos desta casa”, mandado colocar por Gil de Mosteyro Neyra no 1660, cando unhas obras de reedificación.

No século XVI, dona María de Neira merca ao arcebispo de Santiago o Pazo de Oca, entrando a linaxe dos Neira de Dumia a ser señores de Oca. A linaxe Neira no Val de Cancelada está vencellada aos pazos e torres de Penelas, Vilafrial e O Fabal, no mesmo val.

Vázquez Seijas di que en escritura de 28 de xaneiro do ano 1490, outorgada entre Diego Díaz de Guitián e Basco Gómez de Cancelada, este recoñece a aquel por dono propio do pazo de Dumia, así como de todos os bens anexos, como marido de Aldara Vázquez de Cancelada, filla de Alonso López de Cancelada e Viringuela López polo cal Basco demitiu o dereito que a ditos bens podía ter, coa súa propiedade, Diego Díaz. Don Diego e a súa muller, por escritura do ano 1505, doan a favor de Diego Sánchez de Cancelada, da casa-torre e pousa de Dumia, durante a súa vida. Lope Díaz de Guitián fundou no ano 1600 o morgado da linaxe, ao que foron agregados os que posteriormente fixeran a súa muller, María de Balboa, no 1626, e de Pedro Díaz de Guitián, o seu fillo segundo, no 1649. Rodrigo Fenández de Cancelada, Diego Díaz de Guitián e Fernando Díaz de Guitián e Neira, outorgaron contrato o día 9 de xaneiro de 1660 sobre a reedificación da torre de Dumia.
A casa estaba composta de planta baixa e alta, cunha cerca de pedra calcaria bastante grosa e que constituiría o perímetro da primitiva torre. Na parte alta da segunda planta hai outra pedra armeira de xisto bastante desgastada, coroada tamén con helmo e viseira. A mediados do ano 1964 era propietaria da casa e bens de Dumia María Álvarez Valcarce, filla de Decoroso Álvarez Santín, residente en Baralla, casada con Manuel Fernández Fernández e que fora adquirida por un seu avó, Carlos Álvarez Carballo, aos seus donos que vivían en Vilafranca do Bierzo. Ao parecer, na actualidade pertence a varias persoas.
Os escudos gozan da máxima protección legal.

torre vella google.jpg
bottom of page